Presentación
Orienta Iuris, a primeira Feira de emprego especializada no ámbito xurídico en Galicia e norte de Portugal, concíbese como un punto de encontro no que estudantado, persoas tituladas e profesionais do mundo do Dereito poidan compartir experiencias, interrelacionarse e mellorar as posibilidades de acceso ao mercado laboral.
Vídeo resumo da IV edición de ORIENTA IURIS.
Este evento, organizado pola Facultade de Dereito do campus de Ourense, celebra a súa cuarta edición co principal obxectivo de fomentar a empregabilidade do estudantado e a realización de prácticas preprofesionais.
Feira de emprego
O día 16 de novembro, na Feira de emprego xurídico, haberá unha zona de expositores nos que as entidades colaboradoras poderán presentar os seus programas de formación e carreira, comezar os seus procesos de selección e desenvolver sesións de networking.
Nesta cuarta edición, substituiremos as tradicionais mesas redondas sobre saídas profesionais por expositores nos que as institucións públicas colaboradoras informarán sobre as saídas profesionais e a oferta de emprego público nos distintos ámbitos da Administración.
Achégate, sen necesidade de inscrición, e poderás coñecer as competencias, habilidades e actitudes que máis demandan os empregadores neste sector, informarte da oferta existente e participar en procesos de selección para realizar prácticas en despachos e institucións de referencia.
Galiza e norte de Portugal
Orienta Iuris é unha feira pioneira na súa área xeográfica que pretende orientar ao estudantado e persoas tituladas no ámbito xurídico e axudalos a definir o seu propio futuro profesional. As súas actividades están abertas á participación de estudantado e persoas tituladas no ámbito do Dereito de universidades da comunidade galega e o norte de Portugal, así como a despachos de avogados, ONGs, empresas e institucións públicas e privadas do ámbito xurídico.